• Toda a información das Probas de Acceso ao curso 2023-2024 aquí 

Calquera dúbida ou xestión administrativa deberá ser remitida a cmus.lugo@edu.xunta.es

 

Publicado o martes, 28 de marzo de 2023:

XI Ciclo de Música Contemporánea de Lugo. MIHLSons-XXI

Durante o mes de abril terá lugar o XI Ciclo de Música Contemporánea de Lugo. MIHLSons-XXI.


Lonxe de quedar no esquecemento, a chamada «música das esferas» foi constantemente reformulada e sacada a colación por multitude de teóricos, músicos e astrónomos durante a Idade Media, podéndose encontrar aínda no pensamento cartesiano dalgunha das personalidades máis importantes do Século das Luces.

Partindo desta contextualización histórica, o XI Ciclo de Música Contemporánea de Lugo «MIHLSons-XXI» presenta tres propostas caracterizadas pola busca dunha resignificación da relación música/universo máis aló do cosmolóxico no que a experiencia estética alcance outros ámbitos. 

A creación de música electrónica en vivo, unha experiencia inmersiva nada dunha reflexión acerca do impacto das novas tecnoloxías na sociedade actual e a lexendaria peza Music for 18 Musicians de Steve Reich, interpretada nun espectáculo que contará coa participación de máis de 100 estudantes de diferentes especialidades artísticas, dando forma así a un proxecto pedagóxico colaborativo dunha dimensión sen precedentes no ámbito educativo galego, serán as tres propostas desta edición.