• Toda a información das Probas de Acceso ao curso 2023-2024 aquí 

Calquera dúbida ou xestión administrativa deberá ser remitida a cmus.lugo@edu.xunta.es

 

Publicado o martes, 8 de novembro de 2022:

Eleccións para a renovación do consello escolar

Prezada comunidade educativa.

Dende hoxe día 8 e ata o vindeiro luns 14 será posible a presentación de candidaturas no contexto das eleccións de integrantes do noso consello escolar que terán lugar entre os días 22 e 25 de novembro.

Despois do aprazamento da renovación parcial do ano 2020 a causa da crise sanitaria producida pola COVID-19, e logo da consecuente celebración adiada de eleccións o pasado outono, este ano 2022 restáurase o calendario ordinario en canto ás renovacións parciais do noso consello escolar. Nesta ocasión, todos os sectores, alumnado, nais, pais ou titores legais, persoal de administración e servizos, e profesorado, poderán escoller aos seus representantes.

Desta maneira, e tralo sorteo público para a designación das persoas integrantes da xunta electoral e posterior constitución da mesma o pasado día 7, o proceso segue o seu camiñar coa publicación dos censos electorais nos taboleiros do centro, o comezo do prazo de presentación de candidaturas, e a apropiada difusión da información tanto do proceso como do seu calendario durante o presente mes. Este é como segue.

  • Venres 3, sorteo público para a designación de integrantes da xunta electoral.
  • Luns 7, constitución da xunta electoral e concreción do proceso.
  • Martes 8, comezo do prazo de presentación de candidaturas e publicación dos censos electorais
  • Luns 14, fin do prazo de presentación de candidaturas.
  • Mércores 16 proclamación e publicación das candidaturas admitidas.
  • Mércores 16, sorteo público para a designación de integrantes das mesas electorais (ás 13:30 na administración do centro).
  • Martes 22, votación das nais, pais e titores legais para a elección dos seus representantes (de 16:45 a 19:15 no vestíbulo do centro).
  • Mércores 23, votación do alumnado para a elección dos seus representantes (de 16:45 a 19:15 no vestíbulo do centro).
  • Venres 25, votación do persoal de administración e servizos para a elección da súa persoa representante (ás 11:30 na administración do centro).

  • En canto á data para a votación dos representantes do profesorado, esta será fixada en reunión de claustro de acordo coa normativa de aplicación.
    As persoas que desexen presentar a súa candidatura deberán empregar o impreso que é posible descargar na ligazón que se atopa abaixo de esta publicación ou recoller na conserxería do centro. En todo caso, será precisa a súa entrega de maneira presencial na conserxería do conservatorio.
    Dende a dirección do centro quixera facer novamente unha chamada á participación tanto na presentación de candidaturas como na elección destas. Dende a publicación da Constitución en 1978 a participación nas escolas ven sendo unha saudable característica do noso sistema educativo. O devir dun centro debe considerarse cousa de todas as persoas que conforman a súa comunidade; cómpre, polo tanto, adoptar unha actitude comprometida ao respecto da participación no seu goberno.

    Un saúdo.

    A dirección