• Toda a información das Probas de Acceso ao curso 2023-2024 aquí 

Calquera dúbida ou xestión administrativa deberá ser remitida a cmus.lugo@edu.xunta.es

 

Publicado o martes, 29 de novembro de 2022:

Concurso de Interpretación Musical Xosé Castiñeira

O noso conservatorio presenta o Concurso de Interpretación Musical Xosé Castiñeira, retomando deste xeito o tradicional concurso de solistas que se realizaba no noso centro ata a irrupción da pandemia, pero dun xeito renovado.

A finalidade principal á a de motivar ao alumnado das distintas especialidades instrumentais mediante a interpretación pública de unha ou varias obras pertencentes ao repertorio solista do seu instrumento, e tamén dar a coñecer a Xosé Castiñeira, personalidade notable da nosa cidade.


Poderá inscribirse neste concurso todo o alumnado matriculado no noso conservatorio no presente curso antes do día 18 de xaneiro de 2023 ás 22:00.

Nesta ligazón podedes descargar e consultar as bases.

Publicado o venres, 25 de novembro de 2022:

Concerto do Coro Infantil

O vindeiro martes 29 de novembro ás 17:00 poderemos gozar dun fantástico concerto do coro infantil no auditorio do conservatorio. 

Agardámosvos!!!

Publicado o mércores, 23 de novembro de 2022:

Foliada de sta Icía

Para rematar as actividades desta semana de Sta Icía, lembrade que mañá xoves 24 de novembro entre as 19:30 e as 21:00 celabrarase unha foliada na que todos os asistentes poderán tocar, cantar, bailar....


Anímate, colle o teu instrumento e ven a pasalo ben!!

Publicado o venres, 18 de novembro de 2022:

Actividades de Sta Icía

Nesta semana celebraremos a festividade de Sta. Icía con diversas actividades, comezando o martes día 22 ás 17:30 cunha actividade organizada polo CDAN: a proxección da obra mestra de Charles Chaplin de cine mudo The Kid, onde o pianista Fran Rey será o encargado de facernos vivir a experiencia das primeiras salas de cine mudo con música en directo. 


Este mesmo día ás 20:00 terá lugar, tamén no auditorio, o Concerto de Sta. Icía, no que unha representación do alumnado e profesorado do noso conservatorio pecharán a xornada do mellor xeito: facendo boa música e compartíndoa con todos nós.


Para rematar, o xoves día 24 ás 19:30 na aula de orquestra terá lugar a Foliada de Sta Icía. Unha festa musical na que todos os asistentes poderán tocar, cantar e bailar.... así que animádevos, collede o voso instrumento e vide a gozar coa música!!


Feliz Sta. Icía!!!

Publicado o xoves, 17 de novembro de 2022:

Concerto de Sta Icía

O vindeiro martes 22 de novembro ás 20:00 terá lugar no auditorio do conservatorio o Concerto de Sta. Icía, no que participarán alumnado e profesorado do centro.  

Achegádevos e gozade coa música!!

Publicado o venres, 11 de novembro de 2022:

Concurso EDLG

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do conservatorio ven de convocar un concurso para a renovación do seu logo. Este concurso ten como obxectivo espertar a imaxinación, fomentar o emprego do galego e impulsar o talento creativo a través da creación dun novo logotipo para o noso EDLG.


Amais dos 3 premios aos logos con mais votacións, tódolos concursantes recibirán un pequeno agasallo pola súa participación.

O prazo para a entrega dos logotipos será dende o 15 de novembro ata o 14 de decembro de 2022 ás 20:00 horas. Podes consultar as bases do concurso nesta ligazón.

Publicado o martes, 8 de novembro de 2022:

Eleccións para a renovación do consello escolar

Prezada comunidade educativa.

Dende hoxe día 8 e ata o vindeiro luns 14 será posible a presentación de candidaturas no contexto das eleccións de integrantes do noso consello escolar que terán lugar entre os días 22 e 25 de novembro.

Despois do aprazamento da renovación parcial do ano 2020 a causa da crise sanitaria producida pola COVID-19, e logo da consecuente celebración adiada de eleccións o pasado outono, este ano 2022 restáurase o calendario ordinario en canto ás renovacións parciais do noso consello escolar. Nesta ocasión, todos os sectores, alumnado, nais, pais ou titores legais, persoal de administración e servizos, e profesorado, poderán escoller aos seus representantes.

Desta maneira, e tralo sorteo público para a designación das persoas integrantes da xunta electoral e posterior constitución da mesma o pasado día 7, o proceso segue o seu camiñar coa publicación dos censos electorais nos taboleiros do centro, o comezo do prazo de presentación de candidaturas, e a apropiada difusión da información tanto do proceso como do seu calendario durante o presente mes. Este é como segue.

  • Venres 3, sorteo público para a designación de integrantes da xunta electoral.
  • Luns 7, constitución da xunta electoral e concreción do proceso.
  • Martes 8, comezo do prazo de presentación de candidaturas e publicación dos censos electorais
  • Luns 14, fin do prazo de presentación de candidaturas.
  • Mércores 16 proclamación e publicación das candidaturas admitidas.
  • Mércores 16, sorteo público para a designación de integrantes das mesas electorais (ás 13:30 na administración do centro).
  • Martes 22, votación das nais, pais e titores legais para a elección dos seus representantes (de 16:45 a 19:15 no vestíbulo do centro).
  • Mércores 23, votación do alumnado para a elección dos seus representantes (de 16:45 a 19:15 no vestíbulo do centro).
  • Venres 25, votación do persoal de administración e servizos para a elección da súa persoa representante (ás 11:30 na administración do centro).

  • En canto á data para a votación dos representantes do profesorado, esta será fixada en reunión de claustro de acordo coa normativa de aplicación.
    As persoas que desexen presentar a súa candidatura deberán empregar o impreso que é posible descargar na ligazón que se atopa abaixo de esta publicación ou recoller na conserxería do centro. En todo caso, será precisa a súa entrega de maneira presencial na conserxería do conservatorio.
    Dende a dirección do centro quixera facer novamente unha chamada á participación tanto na presentación de candidaturas como na elección destas. Dende a publicación da Constitución en 1978 a participación nas escolas ven sendo unha saudable característica do noso sistema educativo. O devir dun centro debe considerarse cousa de todas as persoas que conforman a súa comunidade; cómpre, polo tanto, adoptar unha actitude comprometida ao respecto da participación no seu goberno.

    Un saúdo.

    A dirección

    Publicado o martes, 1 de novembro de 2022:

    De parola con Teresa Adrán

    O vindeiro martes 8 de novembro, teremos a oportunidade de estar de parola con Teresa Adrán, docente e divulgadora musical. Amais, Teresa ten unha ampla experiencia na redacción de programas de man, sempre  transmitidos de xeito didáctico e documentado, participando na elaboración dos mesmos en tempadas da Real Filharmonía de Galicia e do Festival de Música de Lugo.


    Achegádevos á biblioteca do CMUS o martes 8 de novembro ás 20:00!