• Toda a información das Probas de Acceso ao curso 2023-2024 aquí 

Calquera dúbida ou xestión administrativa deberá ser remitida a cmus.lugo@edu.xunta.es

 

Publicado o venres, 15 de abril de 2022:

Presentación de O toque pechado de Pablo Seoane

O luns 25 de abril ás 19:30 terá lugar no auditorio do conservatorio a presentación do libro O toque pechado de Pablo Seoane.

Logo de 2 anos de intenso traballo, Pablo Seoane decide editar este traballo coa idea de poder axudar a todo@s @s gaiteir@s que se propoñan aprender ou mellorar no toque pechado para a gaita de fol galega. 


A idea, que xa facía tempo que estaba enriba da mesa, levouse a cabo durante o confinamento por mor da Covid-19. Moita xente do sector da música e baile tradicional, deixaron de ter actividade, tanto docente coma artística, polo que era o momento de poder facelo. 

O autor, coñecido intérprete deste xeito de tocar, despois do traballo de transcrición de audios, edición de partituras, análise das mesmas (a maior parte do seu arquivo persoal) e de actualizar e poñer ó día anos e anos de traballo, presenta nesta publicación, unha boa escolma de exercicios específicos e 150 partituras divididas en 3 niveis de dificultade, para que @s gaiteir@s poidan traballar en calquera dos distintos xeitos de tocar pechado na gaita galega. 

Segundo a experiencia do autor coma gaiteiro e docente, a mellor forma de dominar calquera dos distintos estilos de toque pechado que existe en Galicia, é traballando con exercicios previos e tamén, por suposto, coas músicas axeitadas a este xeito de tocar. 

Todas as partituras que aparecen no libro son tradicionais, e aínda que están pensadas para o toque pechado, pódense, por suposto, interpretar coa dixitación aberta, e completar o repertorio de calquera gaiteiro/a.

A entrada será libre ata completar a cabida do auditorio e lembrade que é necesario reservar a localidade.