Hoxe, domingo 24 de abril poderemos asistir ás 19:00h no Mihl a un novo concerto do X Ciclo de Música Contemporánea de Lugo MIHLSons-XXI.
En ChumA preséntase un concerto monográfico do compositor colombiano residente en Xenebra, Daniel Zea, un dos máis activos creadores na escena multimedia internacional. No programa preséntase en exclusiva mundial a obra que da título ao concerto, o seu derradeiro traballo, un convite a 14 solistas do Vertixe Sonora especialmente adestrados para celebrar o rito do yagué. Nesta presentación obtense o máximo proveito das especiais condicións acústicas do MIHL transformado nun dispositivo circular que arrodea ao público en semiescuridade promovendo unha escoita meditativa e ritualizada no que a música redescubre a súa esencia coma vehículo de comunicación entre o espírito e a divindade.
Se en ChumA se recupera o compoñente ritual consustancial á música; o resto do programa esvara na desenfreada fascinación do home contemporáneo pola tecnoloxía, nunha visión distópica e nihilista da realidade que nos circunda: músicas que son vehículos poéticos de reflexión e crítica.
Swallow! (2019) catro performers, catro ordenadores usando algoritmos de recoñecemento facial, xeradores de texto, vídeo e sons electrónicos
Borracho Dixital (2018) sampler (usando glitches e sons roubados de videoxogos), saxofón, guitarra eléctrica, percusión e xerador de textos en tempo real
ChumA* (2022) para 14 músicos a e xerador de partituras en tempo real
*Estrea mundial. Encomenda de Vertixe Sonora
VERTIXE SONORA Helena Sousa acordeón | Simon Lewis trompa | Carlos Cortés trompeta | Iago Ríos trombón | Pablo Coello saxofón, laptop | Felipe Agell, Daniel Veiga clarinetes | Alfonso Noriega, Francisco Caldeira violas | Hugo Paiva, Nathan Watts violonchelos | Nuno Márquez guitarra eléctrica, laptop | David Durán, Haruna Takebe sampler, laptop | Diego Ventoso percusión | Daniel Zea medios electrónicos
Podes descargar aquí o programa de man