Miquel Bernat é un dos maiores impulsores da percusión no panorama internacional, contribuíndo á súa difusión e consolidación como medio artístico. No seu traballo abarca áreas como a dirección, docencia, composición e interpretación nos máis diversos tipos de música que inclúen a académica, experimental con electrónica e popular, interactuando con diversas áreas artísticas.
O vindeiro luns 4 de abril, teremos a fortuna de contar con este magnífico músico no noso conservatorio, onde impartirá entre as 19:00 e as 20:30 a clase maxistral Estudos de concerto, que parte dunha longa investigación que supón un auténtico fito no desenvolvemento das posibilidades técnicas e expresivas da marimba, sendo concebida, ademáis, como un proxecto de divulgación do instrumento apoiadoda pola Fundación BBVA a través das Bolsas Leonardo para Investigadores e Creadores Culturais.
Presentada en decenas de conservatorios e universidades de todo un mundo, Miquel Bernat mostrará no CMUS Xoán Montes a través deste estudo a súa orixinal e creativa visión da técnica e interpretación da marimba, ademáis de adiantar os contidos dos próximos libros de estudos adicados ó vibráfono e á multipercusión.
Esta clase, polo seu interese xeral, estará aberta a toda a comunidade educativa.