Prezada comunidade educativa.
Dende hoxe día 8 e ata o vindeiro luns 15 será posible a presentación de candidaturas no contexto das eleccións de integrantes do noso consello escolar que terán lugar entre os días 22 e 26 de novembro.
Despois do aprazamento da renovación parcial do pasado outono a causa da crise sanitaria producida pola COVID-19, e logo da publicación da Resolución do 20 de setembro de 2021, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, pola que se establece o calendario para a celebración de eleccións de membros dos consellos escolares de centros docentes sostidos con fondos públicos, este curso restáurase este procedemento que cada dous anos renova a metade das persoas representantes de cada un dos sectores que conforman a comunidade educativa: alumnado, nais, pais ou titores legais, persoal de administración e servizos, e profesorado. Cómpre sinalar que, considerando que no ano 2018 elixiuse por votación unha persoa representante de nais, pais e titores legais, e que a outra persoa das dúas que conforman este sector é designada pola ANPA, non se producirá a correspondente elección.
Desta maneira, e tralo sorteo público para a designación das persoas integrantes da xunta electoral e posterior constitución da mesma o pasado día 5, o proceso segue o seu camiñar coa publicación dos censos electorais nos taboleiros do centro, o comezo do prazo de presentación de candidaturas, e a apropiada difusión da información tanto do proceso como do seu calendario durante o presente mes. Este é como segue.
- Mércores 3, sorteo público para a designación de integrantes da xunta electoral.
- Venres 5, constitución da xunta electoral e concreción do proceso.
- Luns 8, comezo do prazo de presentación de candidaturas e publicación dos censos electorais.
- Martes 16, proclamación e publicación das candidaturas admitidas.
- Venres 19, sorteo público para a designación de integrantes das mesas electorais (13:30 en administración).
- Martes 23, votación do persoal de administración e servizos (11:30 en administración), e votación de representantes do alumnado (Entre as 17:30 e as 19:00 no vestíbulo do centro xunto ao local da ANPA).
En canto á data para a votación dos representantes do profesorado, esta será fixada en reunión de claustro.
As persoas que desexen presentar a súa candidatura deberán empregar o impreso que é posible descargar na ligazón de abaixo desta publicación ou recoller na conserxería. En todo caso, será precisa a súa entrega de maneira presencial na conserxería do conservatorio.
Dende a dirección do centro quixera facer unha chamada á participación tanto na presentación de candidaturas como na elección destas. Dende a publicación da Constitución en 1978 a participación nas escolas ven sendo unha saudable característica do noso sistema educativo. O devir dun centro debe considerarse cousa de todas as persoas que conforman a súa comunidade; cómpre, polo tanto, adoptar unha actitude comprometida ao respecto da participación no seu goberno.
Un saúdo.
O director
Daniel Borja Durán Alonso
Impreso para a presentación de candidaturas