• Toda a información das Probas de Acceso ao curso 2023-2024 aquí 

Calquera dúbida ou xestión administrativa deberá ser remitida a cmus.lugo@edu.xunta.es

 

Publicado o venres, 19 de febreiro de 2021:

Modificación da data de regreso da actividade presencial no centro

Prezada comunidade educativa.

O regreso da actividade lectiva presencial, medida recollida pola orde da Consellería de Sanidade publicada o pasado 15 de febreiro e que establece a prórroga e a modificación das medidas de prevención específicas previstas na orde do 26 de xaneiro de 2021, adíase no noso centro ao vindeiro luns 1 de marzo. A necesidade de planificar a actividade neste novo escenario, reorganizar os horarios na medida do necesario e de lo posible, e dispoñer os espazos e máis os recursos, conduciu a solicitar esta medida. Simultanear os dous modos de ensinanza dificulta de maneira considerable a conciliación horaria entre as materias individuais de instrumento e máis as colectivas, ou mesmo o desenvolvemento das pequenas agrupacións que combinan instrumentos de vento e non de vento.

Cómpre concretar que, namentres as autoridades sanitarias non determinen o contrario, as actividades que impliquen o emprego de instrumentos de vento ou exercicios de canto permanecerán en modo non presencial ata, polo menos, as 00:00 do mércores 3 de marzo, momento no que deixarán de ter eficacia as medidas recollidas na citada orde do 15 de febreiro; isto, sen prexuizo da súa posible prórroga.

Dende o equipo directivo queremos achegar unha mensaxe de alento a toda a nosa comunidade educativa, a cal, e ao mesmo tempo, non deixamos de estender ao colectivo das artes escénicas. Paciencia, actitude creativa, sentidiño, e conservemos as ansias de atoparmos novamente sobre o escenario facendo música.

Unha aperta.

O equipo directivo.