Onte, como estaba previsto, publicábase a orde que establecía a suspensión da actividade presencial nos conservatorios profesionais de música de Galicia. Esta pausa estenderase entre hoxe día 27 e o vindeiro 17 de febreiro.
O primeiro que é preciso dicir é que agardamos que este estado non se prolongue e o xoves 18 poidamos regresar ás aulas do conservatorio recuperando a insubstituíble presencialidade.
Por parte dos centros educativos nos que se aborda un escenario de traballo en liña resulta imperativo, e ben sendo entón o noso primeiro obxectivo, que o alumnado resulte atendido, arranxar calquera contratempo relacionado coa conectividade, os recursos ou os horarios, tentando que o proceso educativo resulte o menos alterado posible e procurando, con todo, continuidade e progreso na formación de cada alumna e alumno.
Como apuntabamos na breve nota informativa de onte, a partir de hoxe será o profesorado o que establecerá a correspondente comunicación co alumnado para informar acerca do desenvolvemento das clases. Estas, con todo, levaranse a cabo a través da plataforma prevista e xa coñecida.
Cómpre tamén facer referencia ao plan de continxencia e ao que este establece en relación aos horarios, tempos lectivos e desenvolvemento da docencia. E relacionado con isto, hai que engadir que, considerando que este escenario de non presencialidade xa estaba previsto, non se contempla a non participación na actividade académica do centro. É certo que, tendo en conta a natureza das nosas ensinanzas, non podemos non agardar unha minoración do progreso do alumnado diante da carencia dun ensino presencial, pero, con todo, os mínimos esixibles recollidos en cada programación didáctica e os restantes criterios de avaliación seguirán a ser unha referencia para nós como docentes e ao mesmo tempo para o alumnado en canto á súa promoción.
Como equipo directivo, e como centro, queremos enviarvos unha mensaxe de ánimo, unha aperta moi grande, e a nosa disposición para achegar a axuda e orientación precisas en cada momento para afrontar esta nova situación.
O equipo directivo.