Prezadas familias.
Achegamos o calendario de sesións de acollemento do alumnado do primeiro curso do grao elemental, presentacións das diferentes especialidades instrumentais, publicación de horarios e comezo das clases.
Mañá venres ás 20:00 esperamos publicar os horarios das materias colectivas como Harmonía, Historia da Música, Análise, agrupacións, etc., e máis un formulario, semellante ao que foi preciso cubrir no momento de formalizar a matrícula, co obxecto de actualizar as vosas preferencias respecto ao horario para elaborar despois os horarios das materias individuais.
O vindeiro martes 6 están previstas as xuntanzas co alumnado do primeiro curso do grao elemental para a debida sesión de acollemento presencial no centro.
O xoves 8 e máis o venres 9 pola tarde programamos as presentacións telemáticas das diferentes especialidades.
O venres 9 ás 20:00 publicaremos os horarios das materias individuais e máis a de Conxunto nas especialidades non vencelladas a Banda.
Non lle teño moito aprecio ás escusas, así que soamente cabe pedir desculpas pola inquedanza na que estaredes respecto, sobre todo, á posibilidade de simultanear toda a actividade dos vosos fillos e fillas, e as molestias e consecuencias deste nunca desexado adiamento de comunicación de información e de comezo da actividade. Durante o mes de xullo traballouse a prol dunha achega de horarios ás familias aínda máis adiantada respecto á do ano pasado, pero a publicación do protocolo covid e máis as instrucións sobre o desenvolvemento das nosas ensinanzas a finais de xullo, a posterior modificación do protocolo o 31 de agosto e, para rematar a definición do contexto, a marcha á xornada de tarde dunha parte da ensinanza do bacharelato na cidade, racharon, polo menos para este equipo humano, toda previsión.
Non somos alleos á dificultade que vai supoñer para cada familia coñecer a estas alturas o horario do conservatorio en canto á conciliación con outras actividades.
Un saúdo, grazas pola vosa paciencia, e agardamos xa moi pronto estar facendo música neste edificio dende o que redactamos esta publicación.
O director, Daniel Borja Duran Alonso
Calendario de presentacións, publicación de horarios e comezo das clases (Cada evento do calendario recolle a ligazón á videoconferencia programada en Meet)