Prezadas familias.
Despois da natural propagación de información acerca dos primeiros casos positivos en covid no noso centro, aprema unha comunicación á comunidade educativa para aclarar este novo contexto.
Como xa teredes escoitado, producíronse xa os primeiros casos de positivo en covid no centro. O primeiro que cómpre dicir é que cada un dos casos, os que xa se produciron e os que poidan producirse, son tratados de xeito particular pola Xefatura Territorial de Sanidade e máis por nós para concretar as medidas precisas a tomar. En todo caso, calquera decisión sobre as medidas a tratar será tomada sempre e soamente polas autoridades sanitarias sen a nosa intervención, por outra parte, como corresponde.
É preciso apuntar que, respecto ás medidas a tomar a partir da detección dun positivo, estas poden ser moi diferentes en casos, para os non profesionais, aparentemente semellantes. Resulta posible que un grupo deba illarse no seu conxunto ou nunha parte, ou que soamente sexa obxecto, tamén no seu conxunto ou nunha parte, dun cribado e dunha proba como medida de precaución.
Se as autoridades sanitarias encargadas de valorar os casos positivos nos centros educativos deciden calquera das combinacións en canto ás medidas, por exemplo proba pero non corentena, non corresponde máis acción nin maior consideración.
A corentena dunha persoa debe producirse soamente cando así o indiquen as autoridades sanitarias competentes respecto á covid e os centros educativos. Procurando unha reiteración necesaria neste caso, insistimos en que as medidas determinadas para os casos dados no centro forman parte das medidas previstas en estas situacións. Será posible, polo tanto, que as medidas adoptadas sexan un cribado cunha proba, sen corentena, de tratarse dunha consideración de baixo risco e non sospeita de contaxio, e todo, soamente, como unha precaución.
Cómpre engadir respecto á información achegada á comunidade educativa, que esta será sempre a necesaria e adecuada a cada caso sendo diferente o grao de información proporcionada ás persoas afectadas, profesorado, alumnado e familias dos grupos, que ao resto da comunidade.
Diante de calquera dúbida ou inquedanza ao respecto de todo este asunto consultade sen vacilar ao equipo covid ou ao equipo directivo.
Un saúdo.
A dirección.