• ...

Calquera dúbida ou xestión administrativa deberá ser remitida a cmus.lugo@edu.xunta.es


Publicado o venres, 23 de outubro de 2020:

Contas institucionais do alumnado: Google Suite para Centros Educativos

Prezadas familias.

Este curso 2020-2021 o centro ten prevista a incorporación da plataforma educativa G.Suite para Centros Educativos de Google como recurso para achegar ferramentas dixitais á nosa práctica docente e dotar dun contorno virtual no que poder desenvolver unha ensinanza remota indispensable na actual situación sanitaria.


G.Suite, que está mudando a súa denominación por Google Workspace, aporta un conxunto de ferramentas dixitais que inclúe o xestor de correo electrónico Gmail, o de eventos Calendar, Meet como recurso para desenvolver videoconferencias, o servizo de almacenamento Drive, Chat como recurso de mensaxería instantánea e, como aplicación relevante, a creación de aulas virtuais a través de Classroom. A salientable vantaxe desta suite que ofrece Google aos centros educativos é a integración de todas as súas aplicacións ademais da notable experiencia de usuario e a constante actualización da plataforma.


A incorporación de G.Suite no noso centro e o emprego das súas aplicacións polo profesorado e alumnado precisa da participación deste último como integrante da plataforma empregando a correspondente conta de usuario creada a propósito. Desta maneira, e despois da necesaria aceptación por parte de cada familia, cada alumno e alumna do centro poderá dispor dunha conta de usuario coa que interactuará nas aulas virtuais do centro e manexará as diferentes aplicacións da plataforma. Nesta conta figurará o nome e apelidos da persoa seguido do dominio @cmusxoanmonteslugo.edu.es. Cómpre sinalar que esta conta soamente será empregada no contexto académico do conservatorio e para as diferentes interaccións de carácter didáctico.


Para poder utilizar e disfrutar dos servizos da plataforma G.Suite, os usuarios deben coñecer e aceptar a:


Política de uso das contas G.Suite do CMUS Xoán Montes


A aceptación da participación en G.Suite por parte das familias á que facíamos referencia no párrafo anterior, precisa da sinatura do Acordo de conformidade coa política de uso de contas G.Suite. A partir de hoxe venres é posible achegarse á conserxería do conservatorio e asinar este acordo.


No caso do alumnado maior de 14 anos será o propio alumno ou alumna quen asine o documento de conformidade. En canto aos menores de 14 anos será a nai, pai ou titor legal quen leve a cabo esta acción. A entrega dos datos de acceso da conta será presencial na conserxería.


Cómpre engadir que aproveitando esta visita ao centro será posible asinar ao mesmo tempo a autorización sobre o uso da imaxe do alumnado, a declaración responsable COVID-19 e cubrir unha enquisa TIC.


Pode revisar estes documentos nas seguintes ligazóns:

Agardamos que, ao marxe da actual situación sanitaria e os seus requirimentos en canto á ensinanza telemática, a incorporación destes recursos dixitais achegue unha mellora útil á nosa práctica docente e ao noso centro como institución académica.
Un saúdo. O equipo directivo

Publicado o xoves, 22 de outubro de 2020:

Nota informativa sobre os casos de positivo na covid no centro

Prezadas familias.

Despois da natural propagación de información acerca dos primeiros casos positivos en covid no noso centro, aprema unha comunicación á comunidade educativa para aclarar este novo contexto.

Como xa teredes escoitado, producíronse xa os primeiros casos de positivo en covid no centro. O primeiro que cómpre dicir é que cada un dos casos, os que xa se produciron e os que poidan producirse, son tratados de xeito particular pola Xefatura Territorial de Sanidade e máis por nós para concretar as medidas precisas a tomar. En todo caso, calquera decisión sobre as medidas a tratar será tomada sempre e soamente polas autoridades sanitarias sen a nosa intervención, por outra parte, como corresponde.

É preciso apuntar que, respecto ás medidas a tomar a partir da detección dun positivo, estas poden ser moi diferentes en casos, para os non profesionais, aparentemente semellantes. Resulta posible que un grupo deba illarse no seu conxunto ou nunha parte, ou que soamente sexa obxecto, tamén no seu conxunto ou nunha parte, dun cribado e dunha proba como medida de precaución.

Se as autoridades sanitarias encargadas de valorar os casos positivos nos centros educativos deciden calquera das combinacións en canto ás medidas, por exemplo proba pero non corentena, non corresponde máis acción nin maior consideración.

A corentena dunha persoa debe producirse soamente cando así o indiquen as autoridades sanitarias competentes respecto á covid e os centros educativos. Procurando unha reiteración necesaria neste caso, insistimos en que as medidas determinadas para os casos dados no centro forman parte das medidas previstas en estas situacións. Será posible, polo tanto, que as medidas adoptadas sexan un cribado cunha proba, sen corentena, de tratarse dunha consideración de baixo risco e non sospeita de contaxio, e todo, soamente, como unha precaución.

Cómpre engadir respecto á información achegada á comunidade educativa, que esta será sempre a necesaria e adecuada a cada caso sendo diferente o grao de información proporcionada ás persoas afectadas, profesorado, alumnado e familias dos grupos, que ao resto da comunidade. 

Diante de calquera dúbida ou inquedanza ao respecto de todo este asunto consultade sen vacilar ao equipo covid ou ao equipo directivo.

Un saúdo.

A dirección.

Publicado o martes, 20 de outubro de 2020:

Comezo das clases de Historia da Música

Xa temos nova profesora de Historia da Música: Alba Flete Giraldo

As clases comezan hoxe día 20 de outubro. 

Publicado o xoves, 15 de outubro de 2020:

Publicación de grupos e horarios de Conxunto e Música de cámara

Grupos e horarios das materias de Conxunto e Música de cámara do curso 2020-2021

Horarios Conxunto e Música de cámara

Publicado o martes, 13 de outubro de 2020:

Plan covid

Achegamos o plan covid nunha primeira versión básica para comezar a docencia neste curso. No documento precísase o equipo covid, o acceso ao edificio, o desenvolvemento das diferentes materias ou a xestión de gromos. Esperamos actualizar o plan segundo a concreción aínda pendente dunha parte do horario e máis dalgúns aspectos, sen dúbida, necesarios no documento.

Plan covid 2020-2021, versión do 13 de outubro

Aprazamento do comezo das clases nas materias de Historia de música e Musicoloxía

Agardando a adxudicación do profesor ou profesora de Historia da Música e Musicoloxía, aprázase polo momento o comezo das clases destas dúas materias.

Actualización de grupos de materias colectivas co profesorado adxudicado

Achéganse as listaxes das diferentes materias colectivas do grao elemental e profesional, agás a materia de Historia da Música, Musicoloxía e as agrupacións, co seu profesorado adxudicado.

Linguaxe musical e Educación auditiva e vocal

Harmonía

Novas tecnoloxías aplicadas á música

Análise

Composición

Interpretación

Improvisación

Iniciación ao Jazz

Música tradicional galega

Actualización dos horarios de Harmonía e Música tradicional galega

Actualización dos horarios das materias de Harmonía e máis Música tradicional galega.

O grupo E da materia de Harmonía no terceiro curso do grao profesional modifica o día e máis o espazo sendo agora os Venres, de 18:00 a 20:00, na aula 2.4.

O grupo B da materia optativa de Música tradicional galega modifica o seu horario que será os xoves de 19:00 a 20:00. Ámbolos dous grupos da materia terán como espazo a aula B.4

Harmonía, horarios

Música tradicional galega, horarios

Horarios da materia de Música tradicional galega

Grupos e horarios da materia optativa Música tradicional galega.


Música tradicional galega, horarios

Publicado o venres, 9 de outubro de 2020:

Novo acceso ao calendario informativo do centro:

Pódese acceder a toda a información actualizada no enlace da esquerda da web:Si o desexa pódese integrar co seu calendario de google a través do enlace que hai abaixo do mesmo:

Publicado o xoves, 8 de outubro de 2020:

Nota aclaratoria

Ante a confusión provocada na comunidade educativa polo aprazamento do comezo das clases, a precipitación agora de toda a secuencia de publicacións e adxudicación de horarios co obxecto de poñer a camiñar a actividade lectiva, e, de maneira engadida, a modificación do habitual procedemento de publicación e escolla presencial de horarios respecto a pasados cursos, cómpre a correspondente aclaración.

Neste curso o profesorado xestionará a adxudicación de horarios a partir das preferencias horarias achegadas polas familias.

Finalmente, e a pesar da inxente inversión de tempo e esforzos, resulta indispensable levar a cabo un comezo graduado da actividade docente. Desta maneira, o martes 13 comezarán as materias colectivas e agrupacións, o xoves a Música de cámara e máis o Conxunto, e o luns 19 a docencia individual de instrumento, o piano complementario e a Repentización e acompañamento.

Ao mesmo tempo, e durante as datas de adxudicación de horarios establecidas no calendario de presentacións, publicación de horarios e comezo das clases, o profesorado correspondente comunicarase co seu alumnado co obxecto de concretar, de ser o caso, o seu horario.

Un saúdo,

A dirección.

Publicado o luns, 5 de outubro de 2020:

Horarios das agrupacións, repentización e acompañamento e optativas.

Achéganse os grupos e horarios das materias correspondentes ás materias de Banda, Coro, Orquestra, Conxunto das especialidades de vento e máis de percusión, Repentización e acompañamento do alumando de piano, e as optativas de Educación auditiva e Iniciación ao Jazz.

Cómpre sinalar que este curso levamos a cabo unha reordenación das materias de Banda e Conxunto no caso desta última respecto ao alumnado de especialidades de vento e percusión. O obxecto é agrupar no horario estas dúas materias considerando a semellanza das formacións en canto ao número dos seus integrantes e despois da súa redución a causa da necesidade de respectar a distancia interpersoal de tres metros.

É preciso apuntar que, no caso das materias Orquestra e Banda máis Conxunto, aínda que o horario recolle unha duración de dúas horas, trinta minutos empregaranse para as tarefas de montaxe, limpeza e desmontaxe dos instrumentos respectando así o tempo de noventa minutos establecido polo currículo.

Mañá está prevista a publicación dos horarios da materia de Repentización e acompañamento correspondente ás especialidades de Guitarra e Acordeón.

Banda/Conxunto

Coro

Orquestra

Repentización e acompañamento (alumnado de piano)

Iniciación ao Jazz

Educación auditiva


Publicado o venres, 2 de outubro de 2020:

Horarios de Harmonía, Historia da música, Análise, etc.

Achegamos os grupos e horarios das materias de Harmonía, Historia da música, Análise, etc. correspondentes ao grao profesional e a este curso 2020-2021. Aprázase a mañá sábado a publicación prevista para hoxe do resto de materias.

Harmonía

Novas tecnoloxías aplicadas á música

Historia da música

Análise

Composición

Interpretación

Musicoloxía

Pedagoxía

Improvisación

Técnicas de composición aplicadas á didáctica


Formulario para a elaboración dos horarios individuais

Debido ás particulares circunstancias sanitarias que obrigan a atender tempos e espazos cun especial rigor e a dispersión horaria das nosas ensinanzas a causa da marcha de parte dos bacharelatos da cidade á xornada de tarde, precisamos coñecer de maneira moi concreta as preferencias e circunstancias horarias do alumnado e que estas, ademais, estean na maior medida posible actualizadas. Por esta razón pregamos ás familias que cubran de novo un formulario moi semellante ao achegado no momento de formalizar a matrícula.

Ao respecto deste formulario, é indispensable actuar de maneira concienciuda e recoller todas as franxas horarias nas que resulta posible asistir a clase no conservatorio co fin de facer máis doada a acomodación da docencia respecto ás necesidades e preferencias das familias.

Este formulario permanecerá aberto ata o vindeiro mércores ás 14:00

Formulario para a elaboración dos horarios

Publicado o xoves, 1 de outubro de 2020:

Calendario de sesións de acollemento, presentacións, publicación de horarios e comezo das clases

Prezadas familias.


Achegamos o calendario de sesións de acollemento do alumnado do primeiro curso do grao elemental, presentacións das diferentes especialidades instrumentais, publicación de horarios e comezo das clases.

Mañá venres ás 20:00 esperamos publicar os horarios das materias colectivas como Harmonía, Historia da Música, Análise, agrupacións, etc., e máis un formulario, semellante ao que foi preciso cubrir no momento de formalizar a matrícula, co obxecto de actualizar as vosas preferencias respecto ao horario para elaborar despois os horarios das materias individuais.

O vindeiro martes 6 están previstas as xuntanzas co alumnado do primeiro curso do grao elemental para a debida sesión de acollemento presencial no centro.

O xoves 8 e máis o venres 9 pola tarde programamos as presentacións telemáticas das diferentes especialidades.

O venres 9 ás 20:00 publicaremos os horarios das materias individuais e máis a de Conxunto nas especialidades non vencelladas a Banda.

Non lle teño moito aprecio ás escusas, así que soamente cabe pedir desculpas pola inquedanza na que estaredes respecto, sobre todo, á posibilidade de simultanear toda a actividade dos vosos fillos e fillas, e as molestias e consecuencias deste nunca desexado adiamento de comunicación de información e de comezo da actividade. Durante o mes de xullo traballouse a prol dunha achega de horarios ás familias aínda máis adiantada respecto á do ano pasado, pero a publicación do protocolo covid e máis as instrucións sobre o desenvolvemento das nosas ensinanzas a finais de xullo, a posterior modificación do protocolo o 31 de agosto e, para rematar a definición do contexto, a marcha á xornada de tarde dunha parte da ensinanza do bacharelato na cidade, racharon, polo menos para este equipo humano, toda previsión.

Non somos alleos á dificultade que vai supoñer para cada familia coñecer a estas alturas o horario do conservatorio en canto á conciliación con outras actividades.

Un saúdo, grazas pola vosa paciencia, e agardamos xa moi pronto estar facendo música neste edificio dende o que redactamos esta publicación.


O director, Daniel Borja Duran Alonso

Calendario de presentacións, publicación de horarios e comezo das clases (Cada evento do calendario recolle a ligazón á videoconferencia programada en Meet)