• Horario do centro: O centro está aberto en horario de mañá de 9 a 14 horas. O horario de administración é de 9:30 a 13:00 horas

Calquera dúbida ou xestión administrativa deberá ser remitida a cmus.lugo@edu.xunta.es


Publicado o martes, 15 de setembro de 2020:

Saúdo e presentación do curso

Prezadas familias.


A primeira alínea desta publicación non pode non estar ocupada pola expresión escrita do noso desexo de que todo estea ben respecto a vós nos vosos fogares: respecto aos pequenos, respecto aos medianos, e respecto aos maiores. Destes últimos esperamos que estean ben coidados e afastados de calquera desacougo; dos medianos que non abafen con tanto asunto que atender; e dos pequenos que sigan medrando, aprendendo, dando exemplo aos adultos de compromiso fronte a unha necesidade común, e achegando esas sinxelas e naturais solucións que nós, as veces, xa non somos quen considerar a causa dun sentidiño algo prexudicado.

Segunda alínea. O calendario escolar recolle como comezo das clases nas ensinanzas de réxime especial o día dezaseis de setembro. Hoxe é quince, pero xa era tempo de que isto tivera lugar: unha comunicación ás familias para achegar algo de información respecto a este vindeiro curso que, por momentos, non produce máis que incertezas e contratempos. Non hai máis escusa para non ter feito isto antes que a moita actividade que andamos a desenvolver neste tempo nos centros educativos, un trebón no cal no canto de pedrazo caen contratempos, e a ansia de que cando esta comunicación se levase a cabo achegase ás familias unha información xa moi concreta sobre o desenvolvemento da actividade no conservatorio. Esa información concreta aínda non é tal, e como non é difícil observar, case cada día hai unha nova actualización neste encaixe que todos tentamos facer entre un sistema educativo que non pode minorar a súa actividade e unhas medidas fronte á covid que non é posible ignorar. É ben posible que, se todo isto se alonga no tempo, haxa que formatar, que reinventar o noso sistema de ensinanza: organización, currículo, recursos e metodoloxía. Mentres, tentamos, tentaremos conservar o modelo sen perder o obxectivo principal do noso oficio: a formación do noso alumnado.

Así as cousas, respecto á actividade no noso centro e despois deste algo extenso e enguedellado limiar, si somos quen de achegarvos un avance de como esperamos que se desenvolva este ano académico 2020-2021.

Respecto á ensinanza, esta será presencial procurando a maior normalidade posible. Con máscara, atendendo á distancia interpersoal, desinfectando e ventilando, pero conservando a semanal docencia de instrumento e as nosas materias colectivas e máis agrupacións. Con todo, cada docente disporá dun aula virtual que poderá empregar nunha certa medida a partir das porcentaxes de ensinanza telemática establecidas pola administración educativa. En calquera caso, non todas as actividades resultarán condicionadas pola covid de maneira semellante. Deste xeito, mentres unha agrupación de corda poderá facer música en conxunto a metro e medio de distancia e con máscara, a mesma cantidade de integrantes precisará dun espazo moito maior de tratarse de instrumentistas de vento e ter que manter tres metros de distancia entre cada un. Os pianistas xa non poderán interpretar repertorio de música a catro mans nun mesmo teclado e o coro deberá loitar contra esa máscara que tentará abafar á persoa e perturbar permanentemente o son. Non poderemos pasar tempo na Biblioteca que deberá ser ocupada por moitos deses pequenos grupos nos que deberán fragmentarse as grandes agrupacións do conservatorio; en canto ás cabinas de estudo, estas deberán pechar sen moito remedio as súas portas a causa da súa inexistente ventilación. Si cómpre dicir que agrupacións e actividades complementarias e máis extraescolares serán notablemente prexudicadas en todo este contexto sanitario. As agrupacións deberán ser moi reducidas, en particular se se trata de formacións de instrumentos de vento, as non obrigadas clases colectivas non poderán levarse a cabo, e as audicións veranse sensiblemente reducidas en canto ao seu número.

Toda esta morea de alteracións e contratempos na nosa consolidada actividade no conservatorio son o resultado de procurar un centro seguro para a ensinanza da música e no que a saúde sexa o principal e as corcheas o accesorio. Por outra parte, non desbotamos a ocasión de trocar contratempo por oportunidade; oportunidade de coñecer e probar outras agrupacións, outros espazos, outro repertorio, outros recursos metodolóxicos, de participar, en resumo, nunha obrigada e, se cadra, proveitosa reinvención da ensinanza da música e da mesma práctica musical.

Máis cousas? Unha manchea delas. Habilitaremos os outros dous accesos cos que conta o edificio do conservatorio procurando minimizar os traxectos polo centro e o tempo mesmo de presenza nel. Temos intención de resolver todas as presentacións, accións de escolla de horarios e titorías de xeito telemático. A este respecto, a nosa idea é facer do correo electrónico a canle de comunicación entre profesorado e familias. Cousas menores? Unha nova escolma de produtos máis saudables na nosa máquina expendedora, un aparcadoiro para bicicletas no entorno da porta da esquina noroeste do edificio, ou unha, esperamos, próxima renovación do espazo web do conservatorio.

Respecto a cando esperamos publicar os grupos, horarios e comezar as clases, cómpre agardar á concreción dalgúns aspectos do ensino xeral que condicionan as nosas ensinanzas. Despois, só será preciso tomar o tempo abondo para confeccionar os nosos horarios e, sen máis espera, abrir as portas das aulas. A nosa previsión é comezar a nosa actividade docente entre a derradeira semana deste mes e a primeira do vindeiro. En canto á publicación e máis escolla de horarios, agardamos achegar progresivamente toda a información nos vindeiros días.

Lector, lectora desta comunicación, permíteme unha alínea cun cariz algo máis persoal. O pasado primeiro día de xullo tomaba posesión na dirección do conservatorio. Esta é unha tarefa buscada e que estou a afrontar cheo de responsabilidade e de ilusión. Adoito dicir que un docente que observa durante certo tempo un modelo de centro e de dirección é ben doado, e case inevitable, que pouco a pouco produza un criterio propio sobre como quixera que fose o seu centro e a súa dirección acumulando, ao mesmo tempo, unha certa inquedanza por levar todo iso a término. Antes escribía responsabilidade e ilusión, pero debo tamén escribir confianza; confianza na participación permanente de toda a comunidade educativa na actividade do centro. Aquí non podo non facer unha pausa para mencionar ás tres persoas que me acompañan neste proxecto e que forman agora o equipo directivo do CMUS Xoán Montes: Patricia Castro, profesora de Fagot, na vicedirección; Lucía Abelairas, profesora de Piano, na xefatura de estudos; e Victoria Díaz, profesora de Linguaxe musical, na secretaría. Soamente son que de entender a dirección escolar dende a iniciativa, a proposta, a escoita, o rigor, o exemplo, a accesibilidade, a axuda, o compromiso, a empatía, a participación e a autocrítica. Son un feixe de cualidades, é así, pero non podo non agardar que estean presentes na maior medida posible na miña labor na dirección, na nosa labor como equipo directivo, e na labor de todo o persoal do conservatorio.

Unha aperta, grazas pola túa lectura, que todo vaia ben e, como din os manuais de dirección escolar: a porta do despacho só está pechada para que non saian voando os papeis.


O director,

Daniel Borja Durán Alonso