Posiblemente un dos desafíos máis importantes aos que se poida enfrontar unha comunidade educativa como a nosa sexa o do seu autocoñecemento. Os diferentes grupos que a integramos relacionámonos entre nós achegando á comunidade un copioso caudal de habilidades, aspiracións, potenciais e querenzas que constrúen, ao redor do ensino da música, un complexo e enriquecedor armazón de relacións persoais e profesionais.
A nosa revista nace hoxe co firme propósito de converterse nunha gran xanela para visibilizar -e así potenciar- aínda máis ese caudal, ofrecendo a todos os membros da nosa comunidade educativa un espazo de libre participación que sexa capaz de asomarnos á enriquecedora realidade do noso Centro. En relación ao seu aspecto formal, optouse por un formato virtual non só por criterios de axilidade, modernidade e eficiencia, senón porque así se nos permite alcanzar un maior grao de divulgación e desenvolver un formato menos ríxido e máis acorde coas necesidades que se poidan ter en cada momento.
Quero rematar animando a todos os membros da comunidade educativa a participar na nosa revista, para que un proxecto que hoxe xa é de moitos, mañá sexa felizmente de todos.
Mª Luz Hermida Lozano
A Directora do Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes
Revista Aqueloutrando
Para interesados en participar na revista:
Contacto: revista@cmusxoanmonteslugo.edu.es
Os enlaces á revista están dispoñibles na columna esquerda da web do centro.
Os enlaces á revista están dispoñibles na columna esquerda da web do centro.