Publicado o martes, 10 de marzo de 2015:

III Ciclo de Música Contemporánea de Lugo “MIHLSons-XXI”

Afianzándose como unha importante cita da axenda cultural lucense, o Ciclo de Música Contemporánea de Lugo “MIHLSons-XXI” seguirá apostando un ano máis pola dinamización de proxectos artísticos comúns entre diferentes institucións educativas da cidade na busca de reforzar sinerxías xa existentes entre elas.

Proba diso será o espectáculo de música e danza “Resonancias en Movemento”, no que participarán o grupo de percusión do Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes e o grupo de danza contemporánea do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo, así como alumnado do ciclo de fotografía da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón, que de xeito paralelo presentará unha exposición fotográfica sobre todo o proceso de preparación e representación do espectáculo. 

Na procura de amosar algunhas das claves que explican a evolución e o desenvolvemento das diferentes estéticas da música contemporánea e achegalas dun xeito ameno a un público diverso iniciado ou non na materia, o ciclo deste ano presenta como novidade máis destacada a presentación de tres conferencias sobre a historia da música contemporánea e unha sobre a relación entre esta e a danza contemporánea.

Ditas conferencias abranguerán dende os acontecementos que desembocaron na ruptura radical da tonalidade a principios do século XX, punto de inflexión na historia da música, ata a pluralidade estilística actual, así como a particular relación de colaboración mutua entre coreógrafos e compositores que xurdiu a mediados do século XX.

Para contextualizalas, a cada conferencia seguiralle un concerto no que se interpretarán a algúns dos compositores máis representativos de cada período como G. Mahler, A. Schönberg, A. Webern, L. Berio, G. Crumb,…culminando esta narración histórica coa presentación de tres estreas absolutas dos compositores españois P. Beltrán J. Gaspar e J. M. López.

Completarán o cartel desta edición un concerto didáctico para alumnado da ESO e BAC e a proposta do Vertixe Sonora Ensemble “Utopía Sonora”, onde instrumentos tradicionais utilizados de maneiras non convencionais e utensilios da vida cotiá darán vida a un discurso tan preto do abstracto como do utópico.

Diego Ventoso Fernández
Dirección artística e coordinación do Ciclo



Nota: A conferencia-concerto do día 7 de abril 
foi aprazada para o 28 de abril